Lema do curso 1718

 

Nunca se creu que houbese tantos afeccionados á cociña, que, como a vida, adoita mesturar esixencias e satisfaccións. Estes artistas dos fogóns, ou da existencia, aprendéronnos a mastigar, a saborear e a dixerir o que comemos ou o que deixamos para comer. E mira que na vida hai que mastigar, saborear e dixerir...; sen dúbida, todo un descubrimento.

Atrás quedou unha “vida que crea, sobe e comparte”, para pasar a experimentar e degustar ‘o sabor da felicidade’. Non sei por que me parece que a vida e a felicidade aderézanse con condimentos semellantes. Porque a felicidade, como un manxar exquisito, prepárase, cocíñase, sérvese. Imos especializarnos, este curso 2017-2018, en  reparar, cociñar e servir a felicidade; poremos en funcionamento o chef do corazón para achar a receita oportuna, condimentar a historia de cada día e regalar a alegría de servir. En síntese, a felicidade hai que preparala, hai que cociñala, hai que consentila á hora de servir.

 

A felicidade conquístase. Non se relaciona cun golpe de sorte ou cunha disposición innata; non se vai á caza dela, conquístase como quen consegue o amor da súa vida. A felicidade vai asociada ao esforzo de cada día, ao traballo por achar o seu rumbo esixente. Nacemos para ser felices, pero ninguén nos regala a felicidade. É unha arte que se aprende, que se traballa, que se recrea. Nada se consegue sen esforzo persoal, sen preparación. A felicidade conseguida no esforzo ten outro saber. ‘O sabor da felicidade’ deixa atrás outros saberes.

 

A felicidade compártese. A felicidade preparada, conquistada, necesita ser aderezada convenientemente, xa que a felicidade é unha arte en compañía. Nunca seremos felices en solitario; temos que deixarnos acompañar doutras persoas que, por camiños semellantes aos nosos, son expertos en buscar a felicidade. Porque a felicidade é tamén unha arte de experiencia. Isto levarache a descubrir que a felicidade encárnase na vida de cada persoa de modo diferente. Por iso, para cociñar a felicidade será bo “facer o que el vos diga”. Non serás feliz vivindo polas esquinas.  Saborea o gozo da inmensa compañía. ‘O sabor da felicidade’ precisa compañeiros de camiño.

 

A felicidade móstrase no servir. A felicidade esixe abrir ben os ollos: aquilo de que ‘a comida entra polos ollos’. A cara da felicidade mestúrase co servizo. “Quen queira ser o máis feliz entre vós que aprenda a servir”: por iso, non é de estrañar que moitos “o recoñeceron ao partir o pan”. Estamos a falar da alegría de servir, do darse; esa alegría que necesita ser aireada, coñecida, experimentada. Que quen te rodea saiba o que che fai feliz ou desgraciado. Só unha vida que se entrega produce felicidade; só unha vida de servizo é camiño para a verdadeira felicidade. ‘O sabor da felicidade’ identifícase con quen, por servir, entregou a súa vida. 

 

Contan que ‘o sabor da felicidade’ áchase nunha vida que ten como condimento o traballo, a solidariedade e o servizo. Imos exercitarnos nestas habilidades. O curso 2017-2018 é unha boa oportunidade para vivir unha nova experiencia. O sabor da vida é o sabor da felicidade, ou viceversa. Fagamos xuntos, como inmensa compañía, o camiño da vida, o camiño da felicidade. Chegou a hora! É tempo de comezar!