Viaxe a Barcelona de 4º ESO

Os alumnos e alumnas de 4º da ESO gozamos dunha viaxe cultural a Barcelona entre os días 20 e 24 do pasado mes de marzo. O martes 20 aterramos no aeroporto de El Prat con ganas de coñecer a cidade. A primeira visita que realizamos foi a unha das obras máis famosas de Gaudí: O Park Güell.

A localización céntrica do Hostel no que nos aloxamos (Paseo de Gràcia) permitiu que visitaramos durante toda a viaxe os lugares máis interesantes da cidade de xeito rápido e fácil. A mañá do segundo día tivemos unha visita guiada ó mellor do barrio gótico, así coma ó Museo Picasso. Fomos xantar ó Hard Rock Café e posteriormente fixemos unha gymkana polas Ramblas e arredores.

O terceiro día de estancia participamos dunha impresionante experiencia coa visita á Sagrada Familia. Por moito que falen do seu esplendor, asombra! Contáronnos todo o que Gaudí deseñara e por que o fixera así e deixáronos un bo anaco de tempo para percorrela ó noso aire. Iso si, quedamos coas ganas de subir ás torres, que seguro ofrecerían unha vista privilexiada da cidade; unha razón para volver dentro duns anos.

Na tarde dese mesmo día fixemos unha pequena ruta en bicicleta por parte da cidade e sobre todo ó longo da costa. Os guías explicáronnos para que servían os rañaceos ou que conmemoraban os monumentos, e puidemos contemplar o precioso mar Mediterráneo.

O último día madrugamos para ser os primeiros na inauguración do ano de PortAventura. Pasamos a mañá e a tarde de atracción en atracción, e a pesar das voltas, sempre encontrabamos o camiño para volver a subir. Tralo intenso día de diversión, as 16 horas de volta no tren nocturno fixéronse do máis lixeiras.

O mellor da viaxe, segundo algúns dos nosos compañeir@s, foi “estar tod@s xuntos” e “facer a viaxe cos compañeir@s para lembralo toda a vida”.

Eva Costas e Sergio Sanz

Visita a Galería de Fotos