Historia

Conta a lenda que os primeiros salesianos que se estableceron en Vigo chegaron trabucados, ou por se quedar durmidos nun tren e non baixarse onde debían, ou polas bromas que, a voltas, gasta a Providencia. O caso é que no ano 1894, Don Matías Buil e o clérigo D. Jesús Carballo comezaron a Obra Salesiana no barrio do Areal.

Este colexio do Areal resultaba insuficiente e pensaron erguer un novo centro escolar nos terreos da Ronda, unha xenerosa doazón feita polo señor D. Leopoldo Gómez Moure. Xurdiu o colexio o día 23 de Xaneiro de 1898, coa asistencia dun bo número de benfeitores e amigos, o provincial da Inspectoría Céltica, D. Filipe Rinaldi, bendicía a primeira capela de María Auxiliadora. Aquela bendición sinxela era presaxio do que, co andar do tempo, ía ser o colexio "San Matías". Chamouse así na honra do seu primeiro director, D. Matías Buil.

O 28 de xullo de 1963, un grande incendio destruíu totalmente o primitivo colexio de San Matías. Temos que recoñecer que foi providencial, porque daquelas cinzas xurdiu un novo colexio.

Deste xeito, o 16 de setembro de 1964, púxose a primeira pedra do novo pavillón que, máis tarde, no ano 1967, o Ministerio de Educación e Ciencia recoñece oficialmente, co novo nome de "María Auxiliadora".

No ano 1994, os salesianos celebran os cen anos de presenza en Vigo. Organizáronse moitas actividades culturais e deportivas. E coma feito salientable, os Salesianos reciben a Medalla de Ouro da cidade de Vigo, en recoñecemento polo seu labor educativo.

No curso 2000-2001 inaugúrase o Comedor Escolar.

No curso 2001-2002 implántase a Educación Infantil, a partires dos 3 anos, con novas aulas. Ese mesmo curso inaugúrase un novo edificio na rúa Venezuela, que alberga unha ampla e moderna Libraría na planta baixa e dúas plantas máis de aulas. Varias reformas acométense tamén no edificio vello para completar a acomodación de espazos ás novas necesidades. Deste xeito amplíanse os servizos e a oferta educativa en orde a mellorar.

Nos últimos dez anos a aposta pola innovación foi constante: a dotación de recursos informáticos (en todas as aulas instaláronse ordenadores e pantallas dixitais; habilitáronse dúas aulas de informática; o curso 2012-2013 entrou en funcionamento a Plataforma Educ@mos como ferramenta de traballo e comunicación de primeira orde), o esforzo por transformar o centro en Colexio Plurilingüe (recoñecemento este último concedido en 2013-2014) ou por aumentar as propostas complementarias neste sentido (clases de Conversa en Inglés para Primaria e Secundaria; optativa de Francés en Bacharelato) e a experimentación pedagóxica en diversas liñas (traballo por proxectos, grupos cooperativos, rutinas de pensamento, ferramentas TIC nas aulas ) son outras tantas mostras do esforzo do centro por avanzar ao compás dos tempos. A renovación total da biblioteca e das instalacións deportivas (ximnasio, canchas) poñen de manifesto a intención dos salesianos de impulsar unha idea de centro que, máis aló de todas estas melloras de orde material, práctico ou pedagóxico, segue baseando o seu prestixio na orixinalidade do seu estilo educativo.

Desexamos que esta historia poida prolongarse, canto menos, cen anos máis. Ata que a árbore cubra toda a fachada...arborepequena