instalacions

 

Calquera colexio empeza sendo un espazo. Axiña aulas, patios, laboratorios e despachos énchense de sentido á luz dun proxecto, mais o lugar, o territorio físico onde esa historia máxica da aprendizaxe acaba desenvolvéndose ten a súa importancia.

O aspecto do noso centro constitúe case unha metáfora: un edificio histórico, con máis de cincuenta anos ás súas costas, adherido a un novo, de arquitectura contemporánea e fresca. Esta estrutura na que se fonden o novo e o vello remítenos á conxugación entre a mellor tradición pedagóxica (esa que emana do estilo salesiano) e un vivo espírito de renovación, marcas que, queremos, distingan a nosa institución.

O centro dispón nos cinco andares do seu edificio de innumerables servizos suficientes e modernos: ás aulas, totalmente equipadas, que nos permiten manter dúas liñas desde Infantil a Bacharelato (30 clases en total, máis de 750 alumnos e alumnas matriculados cada curso) débenselle sumar dúas aulas de informática, laboratorios, unha aula de psicomotricidade e varias de usos múltiples. Contamos cunha moderna biblioteca, renovada hai ben pouco, obradoiros (de tecnoloxía e de debuxo) e o servizo de comedor escolar. Un ximnasio, un parque infantil, un pavillón polideportivo cuberto e varias pistas exteriores completan unha infraestrutura suficiente, que se completa cuns recursos materiais en perfecta sintonía coas actuais necesidades educativas.

Se a todo iso se lle engade o Teatro Salesianos, sempre ao dispór do centro e espazo de referencia en moitas das nosas actividades complementarias, os locais do Centro Xuvenil Abertal e o conxunto da parroquia podemos dicir, sen medo a esaxerarmos, que estamos perante unha das máis completas dotacións da nosa cidade, axeitada para albergar unha proposta educativa de primeira orde.