Algo novo está a Agromar

Este é o lema que temos as escolas salesianas para este curso 2020-2021.

Despois de todo o que estamos a vivir cremos que temos que axudar, como comunidade educativa que somos, a situalo na nosa vida, sobre todo na vida do noso alumnado. Non é tempo de evasión ou de mirar cara outra parte, ignorando o que sucedeu, senón que a realidade esíxenos un replantexamento persoal e social. Se as mascarillas ocultan o noso sorriso, chegou hora de "aprender a sorrir cos ollos". Unha mirada atenta ensinaranos a pasar a vida polo corazón, de modo que o percibido vaia transformando o noso interior e a nosa contorna.

Cremos, como educadores salesianos que somos, que hai que por en primeiro lugar e no centro "as persoas". Se analizamos calquera situación dende este foco, atoparemos solucións máis humanizadoras a moitos dos problemas que se están a plantexar.
Pero non podemos quedar aquí, no noso, senón "vivir en actitude de saída", pasando do eu ao nós. Trátase de recuperar a solidariedade que aplaude dende os balcóns, constatando o pouco que valemos sen os outros.

Propoñémosvos vivir a todos e a todas esta crise como unha oportunidade de crecemento. Que todo o que estamos a vivir, na escola e na sociedade, teñan na xustiza e na solidariedade os valores que marcan a dirección destes cambios.

Por iso este curso queremos educar a mirada e o corazón para coñecer o que pasa, sentir que realmente “algo novo está a agromar” e coidar e transformar o noso ser e estar no mundo, e as nosas relacións cos demais. E así lograr que, dende a nosa escola contribuamos a construír unha sociedade que saia fortalecida desta experiencia que nos tocou vivir.

Transformemos un curso cheo de incertezas, grazas á esperanza, nunha fermosa realidade que medra cada día. Só uns ollos novos serán capaces de apreciar esta novidade que dá esperanza ao mundo e convídanos a seguir soñando. Imitemos a Don Bosco que soñou e fixo realidade unha nova sociedade para os mozos e mozas do século XIX, tócanos a nós facer o mesmo neste século XXI.

Non desaproveitaremos a oportunidade!