Campaña 1920

Co lema “Coma na Casa” queremos sinalar a conciencia de pertenza a unha mesma familia, e a necesidade do coidado mutuo, o respecto e a promoción de todas as persoas.

 

O “fogar”  cordial, protagonismo. Como nos recorda o Papa Francisco: “Crear fogar é crear familia, é aprender a sentirse unidos aos outros máis aló de vínculos utilitarios ou funcionais, unidos de tal maneira que sintamos a vida un pouco máis humana. É tecer lazos que se constrúen con xestos sinxelos, cotiás e que todas as persoas podemos realizar. Un fogar, ben o sabemos, precisa da colaboración de todas e todos”.

Polo tanto, a proposta para este curso pastoral é a de “crear fogar”, “facer casa”. E neste afán de construír unha casa xeitosa imos poñer tres acentos:

 

a) Un acento é a conciencia polo coidado ecolóxico, en canto que o planeta é, dende unha mirada de fe, o “fogar común”, regalo de Deus coma Casa de todos os vivintes. Precisamente están sendo as novas xeracións as que nos ensinan a gañar conciencia do coidado medio-ambiental, e nos sinalan o camiño do respecto dos nosos ecosistemas.Dende a tradición bíblica, amar a vida, respectala e coidala é a primeira mensaxe que aparece no libro da Xénese.

b) Un segundo acento é o liderado xuvenil. Dado que o noso estilo educativo promove o protagonismo da xente moza, queremos seguir educando na participación e o compromiso das rapazas e rapaces cara as causas máis xustas e na transformación da realidade.

 

c) O terceiro acento está na mirada inclusiva cara os máis necesitados. A casa salesiana é “fogar” con capacidade de acollida ao distinto, ao diferente, de maneira que se converte na casa dos que non teñen casa.

 

Iso supón que ao longo do curso imos “botar unha ollada” a como anda o Mundo, e de xeito especial ímonos achegar ao mundo dos xoves emigrantes e refuxiados para descubrir como podemos nós “ser casa” tamén para elas e eles.