Oct14

Campaña do Domund 2020

Campaña do Domund 2020

Cartel DOMUND mini

Como ben sabedes, o noso Centro contempla que a formación para a solidariedade e o sentido da xustiza son elementos educativos fundamentais. De aí que todos os cursos damos a coñecer e potenciamos actividades que teñen que ver con campañas solidarias significativas: DOMUND, NADAL SOLIDARIO, CAMPAÑA EN CONTRA DA FAME DE MANS UNIDAS…

Na nosa maneira de traballar, o DOMUND adoita ter 2 obxectivos principais. O primeiro deles consiste en facerlle unha homenaxe ás misioneiras e misioneiros polo grande labor humanitario e evanxélico que levan a cabo. É un labor normalmente recoñecido tanto en sectores crentes coma non crentes. Serva o exemplo do reporteiro Vicente Romero, persoa non crente, que escribiu un libro no 2004 titulado “Donde anidan los ángeles. Historias de la lucha contra la injusticia” onde fai unha narración das misioneiras e misioneiros (“ángeles” chámalles el) que foi atopando nos lugares máis recónditos e máis “infernais” do Mundo.

Dende esa clave nós adoitamos dar a coñecer, a través de actividades varias, as vidas e as obras destas persoas misioneiras, e tamén adoitamos invitar a participar na recollida de fondos para o DOMUND.

O segundo obxectivo que nos formulamos é que os vosos fillos e fillas podan descubrir que tamén eles e elas poden ser “persoas misioneiras” aquí e agora colaborando en causas xustas e humanizadoras empezando por crear ambientes de acollida e servizo tanto no Colexio coma na propia Casa. .

No presente curso eses dous obxectivos van estar presentes na “vida colexial” ao longo do que queda deste mes de outubro. Ben é certo que, como nos está a pasar con tantas outras iniciativas colexiais, a “situación COVID” nos complica a posta en marcha desta campaña solidaria, e imos ter que renunciar a varias das actividades que xa tiñan moita tradición entre nós.

 

 

Con todo, compartimos con vós algúns detalles:

- Este ano, con motivo de non poder facer actividades presenciais, OMP (Obras Misionais Pontificias) creou un enlace novo máis directo, para que sexa doado a calquera persoa poder acceder a material sobre o DOMUND, especialmente información e vídeos de testemuños de misioneiros. O enlace directo é: https://domund.es

- Habitualmente mandamos á casa nas etapas dos máis pequenos un sobre no que, as familias que o consideran oportuno, colaboran economicamente co labor que fan os misioneiros e misioneiras. Este ano, debido á situación actual, non se mandarán os sobres, pero:

a) O departamento de Misións da Diócese de Tui-Vigo ofrece o seguinte número de conta para que se poidan facer aportacións para este fin:

ES 66-2080-5000-64-3001955499 (Abanca)

b) Tamén podedes facer a vosa achega a través da pasarela bancaria habilitada na páxina https://domund.es, cun BIZUM na app do voso banco ao 00500 ou chamando ao número 91 590 00 41.

Coma sempre, calquera achega, por pequena que sexa, agradécese moitísimo e axuda a que as misioneiras e misioneiros poidan seguir co labor tan importante que levan a cabo.

Cremos, pois, que xuntos, Familia e Escola podemos seguir invitando aos vosos fillos e fillas a tomar parte na presente campaña DOMUND 2020, tanto dende a reflexión como dende a sensibilización que se expresa en pequenos xestos do día a día. Pensamos que, deste xeito artellamos un modo de solidarizarnos cos que están apostando forte para que outro Mundo máis xusto e fraterno sexa posible e contribuímos á educación na solidariedade dos homes e mulleres do mañá.
Grazas pola vosa colaboración.