No Colexio Salesiano "María Axiliadora" de Vigo traballamos baixo un Sistema de Xestión de Calidade baseado na Norma ISO 900:2015 e certificado por APPLUS.
O sistema implantouse no 2005, e dende entón, en coordinación cos outros Centros Salesianos da Antigua Inspectoría "Santiago el Mayor" con sede en León, fomos mellorando ano a ano na sistematización dos procedementos do centro. No momento actual formamos parte dun sistema de calidade multisite que abrangue a tódolos centros da inspectoría.
Existe un Equipo de Seguimento de Calidade Inspectorial (ESCI) integrado polo coordinador inspectorial de escolas e os distintos Coordinadores de calidade dos Centros e asesorado por Calyma. É un órgano motor e coordinador da Calidade en tódolos centros da Inspectoría. Reúnese catro veces ao longo do curso. A nivel de centro, contamos cun coordinador de Calidade e o Equipo Directivo asume as funcións no día a día de Equipo de Calidade.
POLÍTICA DE CALIDADE
O noso Colexio pon o alumnado no centro da súa acción educativa na procura da formación da persoa segundo as ensinanzas de Don Bosco: axudar á mocidade a ser “honrados cidadáns e bos cristiáns”
A NOSA MISIÓN
Somos unha Escola Salesiana que mira ao futuro coa responsabilidade de continuar o patrimonio pedagóxico e carismático de Don Bosco, e coa esperanza de dar unha resposta axeitada á infancia e mocidade de hoxe.
A NOSA VISIÓN
Pretendemos ser unha escola inclusiva que acolle a todos e cada un, cun talante baseado na proximidade e na creación dun ambiente educativo rico en valores evanxélicos ao estilo do Sistema Preventivo de Don Bosco.
Procuramos unha educación integral que axude a medrar como persoa e como cristián soñando un mundo mellor.
Favorecemos unha escola a tempo completo: tempo libre educativo e conciliación familiar.
Apostamos pola innovación pedagóxica: as novas metodoloxías, o plurilingüismo e as tecnoloxías como instrumentos pedagóxicos.
Avalamos o protagonismo do alumnado no proceso de ensinanza-aprendizaxe, e aspiramos dende o sentido crítico á construción dun mundo mais humano.
OS NOSOS VALORES
Somos educadores comprometidos no desenvolvemento dos valores propios do noso patrimonio educativo:
- Acollida incondicional da persoa.
- Confianza na mocidade.
- Atención preferencial aos máis necesitados.
- Respecto á vida.
- Esforzo como instrumento de crecemento.
- Construción dun mundo máis solidario, xusto e pacífico.
- Apertura a Deus.