NON ÁS GUERRAS

Baixo o lema «Non ás guerras» o venres día 25 de marzo todo o colexio desprazámonos ata a praza do Concello para facer un pequeno xesto pola paz.

Tras o saúdo do señor Alcalde, comezamos o xesto que tivo tres momentos: lectura do manifesto; minuto de silencio en lembranza de todas as persoas que están a ser vítimas das 25 guerras que nestes momentos hai no noso mundo e, por último,  finalizamos escoitando e cantando o «Himno da Alegria» que nos lembra que o camiño é a Fraternidade, o camiño é sempre a Paz entre os pobos e as persoas.

O manifesto:

Nesta mañá de marzo, estamos aquí xuntas e xuntos para expresar o noso máis profundo rexeitamento das guerras e da violencia en todas as súas manifestacións.

NON ÁS GUERRAS!

Estamos aquí coas nosas pulseiras de paz, coas nosas pombiñas de paz. Viñemos ata aquí para esixir vivir nun mundo en paz, onde a concordia, a solidariedade, o respecto e o diálogo entre as persoas, os pobos e os países sexan os eixes que rexan a convivencia en paz no noso planeta.

NON ÁS GUERRAS!

Nesta mañá de marzo, pensamos en Indonesia, Afganistán, Arxelia, Burundi, O Congo, Palestina, Etiopía, O Iemen, Libia, Siria, Somalia, Sudán, Uganda, Ucraina e dicimos:

NON ÁS GUERRAS!

Nesta mañá de marzo, facemos nosas as verbas do papa Francisco, que nos lembra:
«Toda guerra significa o fracaso da política e da humanidade, unha claudicación vergoñenta, unha derrota fronte ás forzas do mal. No nome de Deus, que se escoiten os gritos dos que sofren e que cesen os bombardeos e os ataques. En nome de Deus, digamos NON ás guerras, deteñamos estas masacres! Pensemos nas persoas anciás, en cantos buscan refuxio nestas horas, nas mamás que foxen cos seus nenos… Son irmás e irmáns para os que é urxente abrir corredores humanitarios e que deben sentir o calor da nosa acollida, da nosa axuda”.

NON ÁS GUERRAS!

As guerras sempre posúen unha única dinámica e unha mesma ensinanza: a destrución, a dor e a morte.

NON ÁS GUERRAS!

Porque a violencia non é xamais un modo de solucionar conflitos humanos e tampouco un modelo imitable de convivencia.

NON ÁS GUERRAS!

Porque a historia do século XX ensinounos que o único camiño verdadeiramente humano é o camiño da non violencia e da paz.

NON ÁS GUERRAS!

Porque considerar afastados os conflitos é un modo falso e inxenuo de aprazar os problemas que son de todas e todos, habitantes deste planeta que compartimos.

NON ÁS GUERRAS!

Por todo iso, hoxe e sempre dicimos NON ÁS GUERRAS e esiximos unha solución pacífica dos conflitos en Europa e no resto do mundo que non impliquen máis destrución, dor, choros, horror, violación dos dereitos humanos e máis morte absurda.

NON ÁS GUERRAS!

Dialoguemos coma irmás, coma irmáns. Fagamos nosas as verbas do noso poeta Celso Emilio Ferreiro, que trascorríu parte da súa vida nesta mesma cidade de Vigo, e que no poema “Irmaus” di así:

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.

Anque as nosas palabras sexan distintas,
e tí negro i eu branco,
en tendo semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
é mau de irmau.
coma un irmáu che falo!

Berremos xuntos:

NON ÁS GUERRAS!!!