O tempo obriga repensar o noso camiñar pola historia. Nunca a ‘intrahistoria’ foi tan rica e enriquecedora; nunca estivo máis claro aquilo de que hai vidas que pregoan tristemente a ausencia de vida, a soidade existencial. E, ao experimentar que “algo novo está a agromar”, descubrimos que o que xurdía do traballo, na escuridade e no
silencio, non podía ser outra cousa que a vida. Entre tantos decesos xerados pola pandemia unha cousa quedou clara: a vida segue adiante para quen teñen os ollos postos no que sucede. O curso 2021-2022 chámanos a vivir “APAIXONADOS POLA VIDA”. Todo acontecemento é parte da nosa historia, da nosa esencia, da nosa VIDA.
Esta constatación realízase ao compás de quen camiñan connosco. Ninguén é alleo a este transitar que esixe un coidado persoal e particular por todos os peregrinos da vida que teñen saudade por acadar a plenitude. Non somos entusiastas do vivir nun traxecto; somos, en todo momento, “apaixonados pola vida”.
Este vivir “apaixonados pola vida” chámase ENCONTRO, é dicir: comunidade, fraternidade, amizade… E, como as nosas vidas están conectadas, ‘enredadas’, espéranos a vida que, entre as súas moitas posibilidades, ha levarnos a vivir a “operación de na VIDAl”… Deus faise vida humana e incorpórase ao noso camiñar:
imposible maior paixón, expresada baixo o signo do abrazo, do perdón e da paz.
Esta actitude tradúcese en COIDADO das persoas, da vida, das súas opcións específicas e vocacionais. Por iso convídasenos a “arriscar a vida”, quen non arrisca é un perdedor, “a coidar a vida” do planeta, da familia, do propio corazón…, porque Deus pensa en nós, “apaixonados pola vida”, como bálsamo para este mundo ferido por tantas contradicións e desencontros.
E do abrazo a Deus e aos irmáns xorde a ESPERANZA: Deus quérenos vivos, porque Xesús vive e a nosa vida está chea de esperanza. Da man da esperanza, camiñamos adiviñando o futuro en cada pegada. A vida é a orixe da vida. Iso é o que atopan, todos os días e en todas as circunstancias, os “apaixonados pola vida”. É hora de construír pontes, de reactivar patios, de recuperar o sorriso oculto tras infinidade de “máscaras”, porque estamos chamados a encher a vida de Vida.
O curso 2021-2022 constrúese arrincando as follas do calendario que, restadas ao tempo, se suman á vida. O espazo e o tempo serán ‘vitais’ porque, “apaixonados pola vida”, o horizonte se ateiga de esperanza, de novas relacións, de coidado e preocupación polos irmáns, de xeito que a súa vida sexa tamén parte da nosa vida.
Velaquí a historia do presente curso. Vacinados contra a saudade e contra o pesimismo, alcanzaremos a inmunidade do grupo contra todo o que non sexa vida.
“Apaixonados pola vida”, a vida é a nosa opción, a nosa tarefa, a nosa determinación, o noso reto: vívea, séntea, ama, ri, chora, xoga, gana, perde, tropeza, pero sobre todo, érguete sempre,… e segue. ¡Vive a vida