CARÁCTER PROPIO

O pluralismo da nosa sociedade tradúcese nunha diversidade de escolas. O noso colexio, precisamente, é unha máis desas múltiples alternativas. Pero no medio desa diversidade case inabarcable só teremos razón de ser se os trazos propios da nosa proposta nos distinguen do resto. Por iso cremos importante preguntarnos como centro certas cuestións: que ten de propio e único o Colexio María Auxiliadora?, por que segue pagando a pena, en pleno século XXI, unha oferta educativa como a nosa? As liñas que a continuación seguen pretenden dar resposta parcial a estes interrogantes. En primeiro lugar podemos dicir que o noso colexio se caracteriza por tratarse dunha iniciativa privada sostida con fondos públicos (nos niveis de Infantil, Primaria e Secundaria: o Bacharelato queda fóra deste réxime concertado). Pero o verdadeiramente distintivo do noso centro é a súa proposta educativa: a nosa é unha escola cristiá que, ademais, se honra se en se recoñecer como salesiana, o que supón unha determinada visión do feito educativo. ó

Unha escola a tempo completo

A nosa opción pola formación integral implica unha concepción de escola que vai máis aló dos límites do horario escolar. Isto supón completar a nosa oferta cunha ampla gama de actividades que converten a Escola Salesiana nun servizo a tempo pleno. Estas propostas a miúdo proveñen de estruturas irmás do colexio, aínda que xestionadas de forma autónoma e independente, pero complementarias e en absoluta sintonía cos nosos principios e finalidades.

Entre estas iniciativas podemos destacar, ademais das actividades extraescolares ou o deporte (Club Deportivo, con seccións de Fútbol Sala e Baloncesto), as innumerables iniciativas do centro xuvenil Abertal, as campañas de sensibilización promovidas dende a Fundación Juan Soñador ou en colaboración coa Parroquia, a utilización do cine-teatro Salesianos como recurso de primeira orde..

Unha escola cun estilo propio: o estilo salesiano

O estilo que anima o Proxecto Educativo-Pastoral Salesiano é o propio do carisma salesiano, que antepón o criterio de promoción de todos ao da selección dos mellores.
  • O criterio «preventivo»: consiste sobre todo en propoñer ao noso alumnado experiencias positivas que lles permitan vivir con plenitude e de forma saudable as súas aspiracións, dinamismos e impulsos. De aí a gran importancia que concedemos ás actividades complementarias, aos proxectos, á participación en campañas de sensibilización, á colaboración co Centro Xuvenil e con outras entidades.
  • A relación educativa persoal, pois o valor profundo das experiencias preventivas verase reforzado polo acompañamento do alumnado por parte dos seus educadores.
  • A importancia do ambiente como elemento educador, do que os sinais característicos son: – O espírito de familia, baseado fundamentalmente na proximidade entre todos os membros da comunidade educativa. – A presenza dos educadores nos distintos ámbitos onde se desenvolve a vida dos estudantes. – O protagonismo de nenos e novos, auténtico centro da vida escolar. – O clima de ledicia e o ton optimista. – A invitación á creatividade e á espontaneidade.
  • O valor que se concede aos seguintes tres alicerces na construción das persoas: a razón (entendida como cultivo do espírito crítico, invitación á lectura profunda e esperanzada da realidade, construción dun sistema de valores firme), o amor (a acollida incondicional, a preocupación polo outro como persoa e non só como alumno, o valor educativo do diálogo, a atención preferencial aos que se atopan menos integrados) e a relixión (entendida hoxe, sobre todo nunha escola aberta e acolledora, como apertura á dimensión trascendente da persoa e preocupación por experiencias e ámbitos nos que o espiritual ten a súa relevancia).

Unha escola que evanxeliza ao mesmo tempo que ensina

Desde hai anos vimos traballando na idea de que a nosa escola será cristiá e salesiana, non pola proliferación de elementos extraordinarios á propia dinámica escolar (celebracións, accións catequéticas, ambientación das instalacións), senón sobre todo por levar a cabo unha xestión verdadeiramente evanxélica da realidade educativa total do centro: o trato propiciado ao alumnado e ás familias, o xeito de utilizar os nosos recursos humanos e económicos, a forma de dinamizar a clase, de avaliar, de organizarnos; os valores que privilexiamos. É  en todos eses ámbitos onde se xoga a nosa identidade e por iso estamos insistindo en descubrir e potenciar todas aquelas fórmulas de participación, organización e traballo que harmonicen con este principio trascendental

Unha escola que educa integralmente ás persoas

A nosa escola promove a educación integral do alumnado de acordo coa concepción cristiá do ser humano, da vida e do mundo, segundo o estilo de san Xoán Bosco. É a nosa unha escola que quere preparar ao alumnado para participar activamente na transformación e na mellora da sociedade. Que significa para nós educar integralmente ás persoas? Primeiro, colocar a cada un dos nosos educandos no centro do noso proxecto e, despois atender desde a escola a todas as súas dimensións:

  • Axudar a descubrir e potenciar as súas capacidades físicas, afectivas e intelectuais.
  • Axudar a desenvolver a súa dimensión socio-política.
  • Axudar a desenvolver o seu sentido ético e trascendente.
  • Axudar a descubrir o seu propio proxecto de vida como elemento de autorrealización.