Ir ao contido

Infantil

O ensino con corazón

Benvidos a Infantil

Dámosvos a benvida a Infantil, un espazo de crecemento seguro no corazón da cidade que latexa para que os nosos estudantes medren dun xeito pleno. Eles son os verdadeiros protagonistas da nosa razón de ser. O noso proxecto educativo baséase en educar co corazón ❤️

  • 3, 4 e 5 anos
  • 0 libros de texto: aprendemos coas mans
  • 2 h de inglés á semana
  • Blue-Bot e iPads na aula
Alumnado de Infantil xogando arredor dunha mesa

A etapa

Infantil caracterízase por ser unha das etapas máis importantes no desenvolvemento da infancia no que botan raíces procesos clave como o autocoñecemento ou as relacións sociais. Os cativos atópanse co seu primeiro gran desafío e teñen que traballar, entre outras, as dimensións cognitivas, afectivas e motoras.

Para cumprir cun dos principios educativos básicos de Xoan Bosco: “Non basta con querer aos nosos nenos e nenas, senón que teñen que saber que son queridos”.

Traballamos estes obxectivos

  • Coñecer o seu propio corpo e o dos outros, as súas posibilidades de acción, aprendendo a respectar as diferenzas.
  • Observar e explorar a súa contorna familiar, natural e social.
  • Adquirir progresivamente autonomía nas súas actividades habituais.
  • Desenvolver as súas capacidades afectivas.
  • Relacionarse cos demais en igualdade e adquirir progresivamente pautas elementais de convivencia e relación social, así como exercitarse no uso da empatía e a resolución pacífica de conflitos.
  • Desenvolver habilidades comunicativas en diferentes linguaxes e formas de expresión.
  • Iniciarse nas habilidades lóxico-matemáticas, na lecto-escritura e no movemento, o xesto e o ritmo.
  • Promover, aplicar e desenvolver as normas sociais que procuran a igualdade de xénero.
Asemblea de Infantil sentados en círculo na aula

Propiciando experiencias positivas

Organizamos experiencias de aprendizaxe emocionalmente positivas: son actividades, proxectos e xogos que se desenvolven nun ambiente de afecto e confianza para potenciar a autoestima do alumnado, a súa integración social e a creación dun apego seguro. Empregando unha metodoloxía manipulativa, sen libros de texto.

Os contidos organízanse en áreas e centros de interese: actividades globalizadas que teñan interese e significado para o alumnado.

Como aprendemos

Aprendizaxe manipulativa

Non usamos libros: o alumnado conta con materiais e recursos para traballar coas mans. Suxeitar, abrochar, encaixar, enroscar, moldear, trazar… as sensacións transfórmanse en coñecemento.

Centros de interese

Buscamos un interese real que envolva as diferentes áreas do currículo de forma globalizada, apoiándonos na curiosidade e nas ganas de aprender.

Matemáticas con Blue-Bot

O robot Blue-Bot axúdanos a mellorar a abstracción e o pensamento lóxico. Cos iPads achegámonos a desafíos para resolver en equipo.

Dúas horas en inglés

Xogamos e aprendemos a lingua en situacións cotiás e de xogo: vocabulario, cancións…

Interioridade

Aprendemos a recoñecer e xestionar as nosas emocións con momentos como os Bos Días, as sesións de interioridade ou o rincón da calma.

Celebracións

Advento, Nadal, Pascua, Magosto, Entroido… un itinerario ao longo do curso que nos anima a facer comunidade.

Rincón de ler dunha aula de Infantil

Coidando a competencia lecto-escritora

O programa lecto-escritor desenvólvese de diferentes formas na etapa:

  • Programa de prerrequisitos lectores, preparado polo equipo de orientación e traballado coas titoras desde os 3 aos 5 anos.
  • A hora do conto: un alumno conta un conto aos compañeiros, a profe conta un conto á clase ou hai un momento de lectura individual.
  • Propostas que integran a biblioteca escolar nas actividades da aula.

Acompañando o tránsito a Primaria

Favorecemos unha primeira aproximación á lectura e á escritura, ás habilidades numéricas básicas, ás tecnoloxías, á expresión visual e musical e ao inglés, coidando moito o paso á etapa de Primaria.

Familias e alumnado de Infantil nunha saída ao aire libre

Coa colaboración estreita das familias

Queremos que o colexio e a familia sexamos un mesmo equipo. Pedirémosvos que veñades moito ao cole (obradoiros, actividades, festivais…) e que acheguedes e propoñades no traballo diario.

Documentación da etapa

Queres coñecer Infantil por dentro?

Ven ás xornadas de portas abertas ou pide unha entrevista persoal: ensinámosche as aulas e contámosche como traballamos.

👋 Coñécenos📅 Pide a túa cita

WhatsApp