Innovación e tradición educativa
Un centro ambidextro
Desde hai anos, o noso colexio atópase inmerso nun proceso de transformación. Non o entendemos como a substitución total do que faciamos ata agora, senón como un proceso de actualización: queremos ser un centro ambidextro, no que conviven o mellor da metodoloxía tradicional coa innovación.
Seis liñas de Infantil a Bacharelato
Apostamos por infusionar a proposta educativa: as seis liñas de innovación concrétanse en plans, proxectos e iniciativas en todas as etapas.
Aprendizaxes activas
Enriquecemos o currículo con tarefas integradas e proxectos orientados a un traballo competencial.
En equipo
Organizámonos en equipos cooperativos e colaborativos.
Competencia lecto-escritora
Convencidos de que a lectura e a escrita son fundamentais para o éxito académico.
Ferramentas dixitais
Nunha contorna de aprendizaxe híbrida que non esquece o lapis e o papel.
Centro plurilingüe
En castelán, galego, inglés e francés: plurilingües en Primaria e bilingües na ESO.
Educa co corazón
Traballando as competencias emocionais do alumnado e acompañando o seu benestar.

Aprendizaxes activas
Enriquecemos o currículo con tarefas integradas e proxectos. O obxectivo non é acumular coñecemento, senón empregar os coñecementos e competencias para resolver tarefas ou proxectos, nos que o alumnado exerce un rol activo e protagonista e pode experimentar un éxito real.
- Aprendizaxe manipulativa en Infantil.
- Tarefas integradas por competencias: dende situacións cotiás ata a creación de produtos culturais.
- Proxectos de materia, interdisciplinares e de curso, enfocados a un obxectivo maior.
- Aprendizaxe-servizo: propostas de voluntariado, moitas delas co Centro Xuvenil Abertal.

En equipo
Apostamos pola aprendizaxe cooperativa e a colaborativa, ambas baseadas no traballo en equipo. Na colaborativa o alumnado ten máis autonomía e deseña a súa estrutura de interacción; na cooperativa, o docente estrutura e controla as interaccións e os resultados.
Empregamos o modelo de aprendizaxe cooperativa de David W. Johnson e Roger T. Johnson: dende Infantil a Secundaria o alumnado organízase en equipos base, nos que se traballan habilidades sociais e métodos de aprendizaxe diversos.

Competencia lecto-escritora
A lectura e a escrita resultan fundamentais para o éxito académico. O despregamento tecnolóxico non pode realizarse á conta da comprensión ou dos hábitos de lectura, senón poñerse ao seu servizo. Por iso a procura, selección e procesado da información é un núcleo do noso proxecto lector.
- A biblioteca escolar como espazo dinamizador da lectura.
- Un programa de prerrequisitos lectores en Infantil.
- A dinamización da lectura a través dos contos e contacontos.
- A hora de lectura: diaria en Primaria e semanal en Secundaria.
- O caderno de escrita, de Primaria a Bacharelato.
- A radio escolar, como espazo de publicación de tarefas e proxectos.

Integrando as ferramentas dixitais
As tecnoloxías teñen algo de marabilla e algo de ameaza, e iso obríganos a situalas na súa xusta medida: para nós as TIC son unha ferramenta, fundamental e suxestiva, ao servizo dunha nova pedagoxía.
- iPads en Infantil e Primaria.
- Google Workspace for Education dende 4.º de Primaria ata Bacharelato.
- Chromebook 1×1 de 5.º EP a 4.º ESO, nunha metodoloxía híbrida na que o lapis e o papel non desaparecen.
- Pensamento computacional: robótica en Infantil e Primaria, Scratch en Secundaria, Python, C++ e Arduino en Secundaria e Bacharelato.
- Deseño gráfico (Tinkercad e software libre) e deseño web en Secundaria e Bacharelato.
Todo isto articúlase en proxectos e tarefas, na materia de TIC (4.º EP, 4.º ESO e Bacharelato) e na de Tecnoloxía (1.º e 3.º ESO).
Nun centro plurilingüe
O obxectivo é que o alumnado acade a máxima competencia en castelán, galego e inglés, e despois o contacto cunha segunda lingua estranxeira, o francés, en Secundaria e Bacharelato.
Infantil
- Dúas sesións semanais en inglés.
- Contacontos e Bos Días en inglés.
Primaria plurilingüe
- Arts and Crafts en inglés de 1.º a 6.º, cun lector na aula.
- Bos Días en inglés os venres.
- Halloween, Christmas, Saint Patrick e Easter.
- Inmersión lingüística dunha semana nun país anglófono.
Secundaria bilingüe e Bacharelato
- Obradoiro de música en inglés en 1.º, 2.º e 3.º ESO.
- Francés optativo dende 1.º ESO a 2.º de Bacharelato.
- Horas de lectorado en inglés e francés.
- Inmersión lingüística dunha semana nun país anglófono.
Que educa co corazón
No cerne da pedagoxía salesiana atópase o Sistema Preventivo, que se apoia en tres piares: razón, relixión e amor. Porque, en palabras de Don Bosco, «a educación é cousa do corazón». Por iso poñemos a educación emocional no centro: un ambiente emocionalmente seguro que favorece o acompañamento persoal, e actividades no currículo para desenvolver as competencias emocionais. Traballamos:
- Conciencia emocional: recoñecer as emocións propias e as dos demais.
- Regulación emocional: responder de forma axeitada ás propias emocións.
- Competencia social: habilidades sociais que facilitan as relacións interpersoais.
- Habilidades de vida para o benestar: hábitos, valores e actitudes que contribúen ao benestar persoal e social.


