Dez lecturas en galego para a carta aos Reis Magos

20 de decembro de 2023

Ás súas maxestades encántalles que lles pidan libros tamén en galego. Suxerimos algúns títulos que non poden faltar na túa carta:

PRELECTORES e PRIMEIROS LECTORES
PUNTO AZUL (3-6 anos) e VERMELLO (6-8 anos)

En MICROBIOS MONSTRUOSOS de Marc Van Ranst descubrirás todo o que queiras saber sobre bacterias e virus, como funcionan as vacinas e que microbios son útiles para o ser humano.

MORTO DE FAME de El Hematocrítico e Mar Villar mestura en curiosa ensalada os personaxes dos contos e a fantasía para regalarnos unha historia tan divertida como sorprendente.

Algunha vez tentaches contar cantas profesións hai? Imposible, verdade? Que haxa tantas é algo fantástico porque permite que cadaquén atope o traballo que máis lle preste. Diso trata O MARABILLOSO MUNDO DAS PROFESIÓNS de Pavla Hanácková, Hana Mokrosová e Helena Harastová.

Laura Patrulla e Óscar Villán en MONSTR3S, un conto a modo de kamishibai axúdannos a superar os medos nocturnos de forma divertida e emocionante. 

LECTORES AUTÓNOMOS (PUNTO VERDE 9-11 anos)

A estupenda A BOTELLA DE LENTELLAS de Leticia Barbadillo e Xiana Teimoy é unha singular e fermosa defensa do valor da ficción e do poder cativador dos contos. Unha homenaxe ás avoas que gañou o XXXVIII Premio Merlín de Literatura Infantil.

OS MINIMORTOS de Ledicia Costas e Mar Villars conta a historia dunha cuadrilla de nenos de ultratumba con problemas moi semellantes aos nosos.

LECTORES EXPERTOS (PUNTO AMARELO 12-14 anos)

Para asomarnos a realidades tan terribles como a da guerra propoñemos O CADERNO DE RAMA de Ángel con X, onde asistiremos ás duras condicións dun conflito a través da mirada dun neno anónimo.

O premio Jules Verne de literatura xuvenil 2023 obtívoo FURIA de María Reimóndez, unha reflexión sobre os afectos e o valor verdadeiro, sobre a importancia de termos sempre alguén ao noso lado que nos acompañe.

XUVENIL (DE 15 EN DIANTE)

O PASO DO NOROESTE de Primitivo e Xavier Queipo é un relato pleno de aventura, emocións, descubertas e coñecemento sobre unha épica travesía no século XVIII na procura do mítico paso do Noroeste, a ruta entre o Atlántico e o Pacífico a través do Ártico. Un relato pleno de aventura, emocións, descubertas e coñecemento

En AS MALAS MULLERES de Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa 2022, asistimos a unha dura viaxe polo tramo final do século XIX nunha historia apaixonante de mulleres a varias voces.