HISTORIA

Conta a lenda que os primeiros salesianos que se estableceron en Vigo chegaron trabucados, ou por se quedar durmidos nun tren e non baixar onde debían, ou polas bromas que, a voltas, fai a Providencia. O caso é que no ano 1894, Don Matías Buil e o clérigo D. Jesús Carballo comezaron a Obra Salesiana no barrio do Areal.

Este colexio do Areal resultaba insuficiente e pensaron erguer un novo centro escolar nos terreos da Ronda, unha xenerosa doazón feita polo señor D. Leopoldo Gómez Moure. Xurdiu o colexio o día 23 de Xaneiro de 1898. Tal día, coa asistencia dun bo número de benfeitores e amigos, o provincial da Inspectoría Céltica, D. Filipe Rinaldi, bendicía a primeira capela de María Auxiliadora. Aquela bendición sinxela era presaxio do que, co andar do tempo, ía ser o colexio «San Matías». Chamouse así na honra do seu primeiro director, D. Matías Buil.

O 28 de xullo de 1963, un grande incendio destruíu totalmente o primitivo colexio de San Matías. Daquelas cinzas xurdiu un novo colexio.

Deste xeito, o 16 de setembro de 1964, púxose a primeira pedra do novo pavillón que, máis tarde, no ano 1967, o Ministerio de Educación e Ciencia recoñece oficialmente, co novo nome de «María Auxiliadora».

No ano 1994, os salesianos celebran os cen anos de presenza en Vigo. Organizáronse moitas actividades culturais e deportivas. E coma feito salientable, os Salesianos reciben a Medalla de Ouro da cidade de Vigo, en recoñecemento polo seu labor educativo, e son visitados polo reitor maior Don Viganó.

No curso 2000-2001 inaugúrase o Comedor Escolar.

No curso 2001-2002 implántase a Educación Infantil, a partires dos 3 anos, con novas aulas. Ese mesmo curso inaugúrase un novo edificio na rúa Venezuela, que alberga unha ampla e moderna Libraría na planta baixa e dúas plantas máis de aulas. Varias reformas acométense tamén no edificio vello para completar a acomodación de espazos ás novas necesidades. Deste xeito amplíanse os servizos e a oferta educativa en orde a mellorar.

Nos últimos dez anos a aposta pola innovación foi constante: a dotación de recursos informáticos (en todas as aulas instaláronse ordenadores e pantallas dixitais; habilitáronse dúas aulas de informática; o curso 2012-2013 entrou en funcionamento a Plataforma Educ@mos como ferramenta de traballo e comunicación de primeira orde), o esforzo por transformar o centro en Colexio Plurilingüe (acadado en 2013-2014 ) ou por aumentar as propostas complementarias: clases de Conversa en Inglés para Primaria e Secundaria; optativa de Francés en Bacharelato; e a experimentación pedagóxica en diversas liñas: traballo por proxectos, grupos cooperativos, rutinas de pensamento, ferramentas TIC nas aulas;  son outras tantas mostras do esforzo do centro por avanzar ao compás dos tempos. A renovación total da biblioteca e das instalacións deportivas (ximnasio, canchas) poñen de manifesto a intención dos salesianos de impulsar unha idea de centro que, máis aló de todas estas melloras de orde material, práctico ou pedagóxico, segue baseando o seu prestixio na orixinalidade do seu estilo educativo. Desexamos que esta historia poda prolongarse, cando menos, cen anos máis. Ata que a árbore cubra toda a fachada…