Historia da Biblioteca
Xa alá, polo ano 2012, empezou a idea de darlle un cambio á nosa biblioteca escolar, outra imaxe e outras posibilidades. E puxémonos en marcha.
Este proceso de renovación comezou co expurgo e embalaxe de libros entre outras cousas, que sen a axuda da ANPA e de grupos de familias non tivera sido posible.
Despois comezaron as obras físicas onde as ventás, mesas, estantes, chan, teito… antigos foron sendo renovados.
Unha vez que estas obras remataron, algúns destes libros que foran quitados volveron ós seus novos espazos (cunha clasificación nova seguindo a CDU…) e incorporouse novo fondo bibliográfico. A distribución da biblioteca cambiou moito, tendo agora unha zona para o bibliotecario, ordenador, encerado dixital, zona axeitada para os máis pequenos…
No ano 2013, fíxose a inauguración oficial da nova Biblioteca cun espazo e un enfoque de traballo, totalmente renovado. No curso 2016/2017 incorporámonos ao Programa de Mellora das Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, …
Agora temos unha biblioteca non só preparada para traballar individualmente ou en grupo, para lectura ou para servizo de préstamo, senón unha biblioteca onde se realizan pequenas actividades de conta contos, teatro, maxia… e dende onde se fomentan procesos de mellora das prácticas educativas, das metodoloxías de todo o centro e todas as materias.
A nosa biblioteca é algo máis que un espazo para almacenar libros. É un lugar para compartir e fomentar o gusto pola lectura de todos e todas, para aprender diferentes linguaxes, para investigar, para buscar información, para traballar con outros e outras, para descubrir, …