O PROXECTO
Desde hai anos o noso colexio atópase inmerso nun proceso de transformación. O cambio, motivado en parte pola nova realidade socio-cultural e os cambios lexislativos en materia de educación, pretende dar resposta ás novas necesidades e actualizar e mellorar o proceso de ensinanza e aprendizaxe. O noso Plan de Innovación 2016-2020 aposta por unha pedagoxía baseada no competencial e no experiencial, comprometida co mundo no que vivimos, na que o noso alumnado sexa o protagonista da súa propia aprendizaxe. Entre os ámbitos de intervención destacan:
A aplicación de metodoloxías activas: tarefas e proxectos. Optamos por iniciar o cambio a través da incorporación de tarefas integradas á dinámica regular da aula (contando con formación e asesoramento do CEFORE). A metodoloxía de tarefas permitiunos incorporar ferramentas metodolóxicas diversas e un modelo de avaliación competencial, promovendo a contextualización dos contidos e favorecendo o traballo en equipo.
A pesar de que levamos anos aplicando a aprendizaxe cooperativa nas aulas sabemos que sen unha formación sólida, integral e verticalizada esta estrutura de aprendizaxe non é válida. É por iso que dende o curso pasado iniciamos de maneira colexiada, todo o claustro, unha formación acreditada polos Johnson & Johnson, que contamos dure dous cursos académicos máis. Aplicando AC conseguimos mellorar a motivación, formar en habilidades sociais, mellorar a convivencia e o rendemento escolar. Na AC o alumnado é o protagonista (roles) e a atención a diversidade máis eficaz e personalizada, o máis favorecido é o alumnado con NEAE.
O uso xeneralizado de ferramentas dixitais ao servizo da nova pedagoxía. O curso 2016-2017 iniciamos o proceso implantando o modelo 1×1 chromebooks e o entorno de Google Apps como ferramentas de traballo en 5º de EP e en 1º de ESO. Este curso 2018-2019 xa traballan con este modelo 5º e 6º de Primaria e 1º, 2º e 3º da ESO. O centro dispón ademais de dúas aulas de informática, dunha Aula móbil IPADS, unha Aula móbil chromebooks e o inicio dunha “aula creativa” onde se recollen os recursos en robótica. Impártese a materia de TICs desde 4º da ESO ata 2º de Bacharelato. Este proceso permitiu o crecemento da competencia dixital do alumnado e do profesorado.
Outro elemento importante deste proceso foi a aposta pola actualización do Proxecto Lector e como consecuencia a renovación da Biblioteca Escolar. Iniciada no ano 2013 e coa incorporación ao PLAMBE no 2016. Entendemos que a Biblioteca Escolar é un elemento clave e privilexiado para a consecución das liñas estratéxicas prioritarias que se marca o noso centro. Por un lado para a progresiva incorporación de metodoloxías activas de aprendizaxe e favorecer a innovación pedagóxica, por outro lado a integración das novas tecnoloxías, para formar «a unha cidadanía dotada de destrezas para a consulta eficaz das distintas fontes informativas, a selección crítica da información e a construción autónoma do coñecemento». Porque as linguaxes, os idiomas, a interpretación do que se le, se escribe, ou se consulta, configura o noso coñecemento e polo tanto colócanos e fainos entender ao mundo que nos rodea.
Obxectivos da Radio Escolar
A implementación dunha Radio Escolar permitiranos seguir avanzando nos ámbitos do noso Plan de Innovación:
1. Na aplicación de metodoloxías activas (tarefas e proxectos). A Radio Escolar permitiranos:
- Incorporar novas linguaxes e formas de produción nas tarefas e nos proxectos.
- Fomentar a realización de tarefas e proxectos interdisciplinares.
- Visibilizar e difundir as tarefas e os proxectos que se producen no centro, tratando de incorporar e chegar ao maior número de familias ou implicar a axentes sociais da contorna.
2. Na aprendizaxe cooperativa a Radio Escolar permitiranos:
- Incorporar novos roles ou enriquecer os que xa existen.
- Fomentar o traballo en equipo e a cooperación.
- Mellorar a convivencia e poñer en práctica habilidades sociais (escoita activa, asertividade ou empatía).
3. No uso xeneralizado de ferramentas dixitais a Radio Escolar permitiranos:
- Incorporar novas linguaxes e formas de produción nas tarefas e nos proxectos.
4. Dentro dos obxectivos do Proxecto Lector do Centro a Radio Escolar permitiranos:
- Mellorar a comprensión lectora do alumnado e a capacidade para o tratamento da información.
- Formato novo para traballar a educación documental e a alfabetización múltiple.
- Fomentar habilidades de expresión escrita e de expresión oral, especialmente en lingua galega, xa que partimos dun entorno onde o castelán é a lingua predominante.