Xornadas de acollida do intercambio con alumnado de Niza en 3º da ESO
Esta semana acollemos no noso centro ao alumnado de 3º de Educación Secundaria do centro escolar Don Bosco de Niza (Francia), como parte final do intercambio que levamos a cabo no mes de marzo.
Despois dunha chegada algo accidentada chegaban a Vigo o luns pola noite. A partir dese día compartiron cos seus correspondentes e familias momentos que agardamos que fosen inesquecíbeis.
Visitamos o xacemento do Castro, viaxamos a Cangas e descubrimos a súa historia grazas a un rastrexo fotográfico que rematou en baño na praia de Rodeira, porque nos acompañou o tempo estes días.
Tamén houbo tempo para o deporte e os xogos, xa que o alumnado francés participou no noso ben coñecido torneo A contra B: o xoves en Balaídos nas competicións deportivas (baloncesto, fútbol e brilé) e o venres nos xogos no patio… E non esquezamos a festa da espuma e as actividades da tarde, con DJ incluído.
O sábado de madrugada regresaban á súa cidade, agardamos que cheos de novas experiencias e un mellor coñecemento da lingua española.
Pola nosa banda, o noso alumnado mellorou moito as súas competencias lingüísticas acrecentando o seu acervo cultural, ao poder observar un punto diferente en situacións cotiás.