Adaptacións en cómic de novelas na nosa biblioteca: literatura universal
22 de novembro de 2023
Aproveitamos que no club de lectura en lingua castelá imos ler unha versión en cómic do Diario de Ana Frank para propoñer algunhas adaptacións a este formato de novelas que están dispoñibles na nosa biblioteca e que son especialmente atractivas. Destacamos algúns cómics que transforman en imaxes clásicos da narrativa universal:
– Temos varios exemplares da fresca e ilustrativa adaptación ao manga da Ilíada e a Odisea, da editorial Herder, que se especializou neste tipo de propostas. Tamén dispoñemos dunha versión de Ana Karenina da mesma editorial e dunha Odisea que publicou no seu día Marvel.
A distopía 1984, adaptada e ilustrada por Fido Nesti ou Matar a un ruiseñor (que lemos o curso pasado no club), co exquisito traballo gráfico de Fred Fordham, son dúas fantásticas portas de entrada a estas novelas de forza imperecedoira
Hai tres clásicos da literatura que no seu día xeraron outras tantas obras mestras do cómic e que non podes perder: Ciudad de cristal, de Paul Karasik e David Mazzuchelli, adaptando a novela de Paul Auster; El jugador de ajedrez, segundo a novela de Stefan Zweig, en exquisitas imaxes de David Salga, e Sostiene Pereira, a xenial obra de Antonio Tabucchi, transformada en imaxes delicadísimas por Pierre- Henry Gomont.