Libros ilustrados na nosa Biblioteca: algunhas xoias

26 de xaneiro de 2024

O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Por ese motivo imos repasar algúns libros ilustrados marabillosos que están dispoñibles para ti na nosa biblioteca. Aí imos:

PRELECTORES
PUNTO AZUL (3-6 anos)

Desde libros de viaxes clásicos como ISTO É PARÍS de M. Sasek a atlas ou libros de historia deliciosos para que os máis pequenos se empecen a familiarizar con estes saberes (ATLAS DA GALICIA PEQUENIÑA ou HISTORIA DA GALICIA PEQUENIÑA de C. Cequeliños y Jorge Campos), probablemente o fondo de obras para prelectores é a que acumula máis títulos únicos pola calidade das súas ilustracións e a orixinalidade das súas propostas. En galego destacamos o premiado CÁNDIDO de F. Pintadeira, a fantasía de UNHA HISTORIA de M. Coppo ou o sorprendente A NOTA de P. Serrano. En castelán recomendámosche SOY UN PUNTO, cuxo título resulta tan suxestivo como o seu contido.

PRIMEIROS LECTORES
PUNTO VERMELLO (6-8 anos)

Tampouco faltan álbums fantásticos para os primeiros lectores. As PEQUEÑAS HISTORIAS  de M. Tanco son unha  colección de episodios cotiáns debuxados con sensibilidade e graza. As espectaculares ilustracións de DEBAJO DE LA TIERRA/DEBAJO DEL AGUA de A. MIzielinska e D. Mizielinski permitirán que penetremos nos recunchos máis ocultos do noso marabilloso planeta. VACÍO e IMPOSSIBLE (edición en catalán) de C. Sobral utilizan a máxica conxunción de palabras e imaxes para falarnos de asuntos verdadeiramente complexos. En NÓS ESTAMOS AQUÍ de O. Jeffers o autor fálanos do mundo onde vivimos e do importante que é coidalo.

LECTORES AUTÓNOMOS (PUNTO VERDE 9-11 anos)

ATLAS DE HISTORIA de T. de Morae axudaranos a entender moito mellor o noso pasado a través dos seus magníficos mapas, cheos de personaxes famosos. Deste xeito, coñeceremos quince civilizacións distintas nunha aventura engaiolante.

Coas ilustracións de CASO ABIERTO, de A. Navarro e J. Sunyer converterémonos en investigadores e investigadoras: mediante xogos de observación, lóxica e memoria, debendo desentrañar os máis arrevesados misterios policiais.

LECTORES EXPERTOS (PUNTO AMARELO 12-14 anos)

VOCES QUE CONTAN é unha antoloxía gráfica formada por nove relatos, cada un concibido por unha creadora de prestixio, que ofrecen no seu conxunto unha visión riquísima do noso mundo desde unha óptica feminina. Doutra banda, EMIGRANTES, a inesquecible obra sen palabras de S. Tan, aborda con fantasía desbordante e un debuxo soberbio un tema sempre necesario.

XUVENIL (DE 15 EN DIANTE)

Queremos rematar este percorrido recomendando aos maiores da casa dous cómics que vos farán reflexionar sobre a nosa realidade cos seus discursos comprometidos, intelixentes e provocadores. Referímonos a EL MUNDO SIN FIN de J.M. Jancovici e C. Blain, sobre o cambio climático, e LA GRIETA de C. Spottorno e G. Abril, unha reportaxe sobre a realidade política e social do noso mundo actual.