De Goya ao Guernica: Unha maratón artística en Madrid
O pasado 11 de marzo, o alumnado de Arte de 2º de Bacharelato realizamos unha saída moi especial a Madrid coa nosa profesora Eva. Saímos moi cedo, no voo das 6:30 da mañá, e volvemos pola noite no das 22:15, así que foi un día longo pero moi interesante.
Pola mañá visitamos o Museo do Prado. Primeiro fixemos unha visita guiada na que aprendemos moitas cousas sobre diferentes obras e artistas (El Greco, Tiziano, El Bosco, Fra Angelico, Velázquez, Sofonisba Anguissola e moitos outros). Despois tivemos tempo para percorrer o museo pola nosa conta e facer unha actividade: cada un de nós escolleu un cadro de Goya e explicoullo aos demais, como se fósemos guías do museo (a explicación levabámola preparada de clase, non vaiades pensar que foi improvisada).
As obras que explicamos son importantes para entender a Historia de España e a Historia da Arte occidental, pero tamén son relevantes porque poden caer na ABAU e, por iso, a visita foi unha boa oportunidade para velas en persoa, comprender mellor os detalles e reforzar o que aprenderamos para o noso traballo. Explicar os cadros aos compañeiros axudounos a mellorar a nosa comprensión e a preparación do proxecto.
Pola tarde visitamos o Museo Reina Sofía. O que máis nos impresionou foi a sala do Guernica de Picasso. Ademais do cadro, había moita información sobre o contexto histórico. Na exposición podíanse ver carteis da República, fotografías da época e outros materiais. Todo iso axudaba a entender mellor o significado da obra e a importancia que ten como denuncia da guerra e da violencia.
Tamén visitamos a mostra “Máscara y compás”. Esta percorría toda a traxectoria artística de Maruja Mallo, desde as súas primeiras obras ata as últimas, e afondaba na súa relación coa xeración do 27 e na súa visión dunha muller moderna, libre e profesional. Ademais, explicaba como o seu exilio en Arxentina despois da Guerra Civil influíu moito na súa obra. Nas súas pinturas aparecen moitas veces figuras humanas, máscaras ou sombras, e mestúranse elementos da arte, da ciencia e da natureza.
En resumo, foi unha experiencia moi interesante porque puidemos coñecer mellor obras moi importantes da arte española e entender o contexto histórico no que se crearon. Aínda que foi un día moi intenso, valeu a pena pola cantidade de cousas que aprendemos.

