4ºESO - Madrid 2026: catro días cheos de historias
Os alumnos e alumnas de 4º da ESO cambiamos durante uns días as aulas polas rúas de Madrid, nunha viaxe de fin de etapa que tivo de todo: cultura, emoción, risas e moitos pasos no podómetro.
Todo comezou o martes 24 de marzo ás sete da mañá, cando o autobús nos esperaba para partir cara á capital… Cremos que todos estamos de acordo en que o primeiro día foi o máis pesado e tedioso. Sentiámonos cansos, pero iso non nos fixo perder o entusiasmo.
Dividíronnos en tres grupos e, chegada a hora, cada equipo realizou a ruta de Benito Pérez Galdós. Exploramos o Madrid da súa época e comprendemos por que o autor se namorou da cidade. Grazas a unha actriz que nos acompañou durante a ruta, a experiencia foi única.
O segundo día, subimos ao autobús e fomos directos a Toledo. Sinceramente, as nosas expectativas non eran moi altas; imaxinabamos o peor, pero nada máis chegar todo cambiou. Pasamos de ser estudantes a cabaleiros medievais. Sorprendeunos especialmente a posta en escena: os castelos, as tabernas, os escenarios, as granxas… Quedamos realmente abraiados e, despois de ver todas as representacións, púxosenos a carne de galiña. É unha experiencia que o curso de 4º da ESO repetiría sen dúbida.
Despois daquela inesquecible experiencia, agardábanos o famoso musical Wicked. Os actores e actrices dérono todo, a música era marabillosa e a historia foi moi entretida. Pasámolo xenial.
Na mañá do terceiro día espertamos ilusionados, xa que iamos visitar o incrible Museo Reina Sofía acompañados dunha guía. Ao chegar, dividímonos en grupos e exploramos as diferentes seccións do museo. Quedamos absolutamente impactados por todas as historias que se agochaban detrás dos cadros. Aprendemos moito e puidemos apreciar o que lles roldaba pola cabeza aos artistas daquela época.
Pola tarde realizamos unha xincana coa que gozamos moitísimo, paseamos por Madrid e descubrimos moitos lugares novos.
O noso último día foi, sen dúbida, dos mellores, xa que tivemos a sorte de poder pasalo no Parque Warner. As atraccións, a comida, os xogos… contribuíron á marabillosa experiencia daquel parque temático. E despois de pasar toda a mañá e parte da tarde alí, tivemos que despedirnos da cidade.
Sen dúbida, foi unha viaxe inesquecible.

