NOVAS ADQUISIÓNS DA BIBILIOTECA: A BOTELLA DE LENTELLAS

MATERIA: Narrativa, vida cotiá.

IDADE RECOMENDADA: de nove anos en diante

CONTIDO (da páxina da editorial):

Manuel é un neno que pasa moito tempo só na casa, xa que o pai traballa demasiadas horas repartindo paquetes e á súa avoa, enferma, tiveron que levala a unha residencia. O martes de Entroido, bota en falta as orellas que lle preparaba a avoa e decide facer el unhas poucas. Como quere seguir a receita exacta da avoa, emprega a súa botella chea de lentellas para estiralas, que acaba escachando e estrando de legumes o chan. Antes de deixarlle comer as orellas, a avoa sempre lle contaba as historias que esas orellas escoitaran. Agora que ela non está, será Manuel o encargado de imaxinar os relatos que escoitaron os doces que el mesmo preparou: sorprendentes historias protagonizadas todas elas por lentellas. A través deses relatos, que unen tres xeracións dunha mesma familia, o neno protagonista aprende a asumir a ausencia da avoa, a comprender a súa realidade social e familiar, e a sentirse un pouco máis unido ao pai

CINCO MOTIVOS PARA RECOMENDARCHO:(os tres primeiros, do material didáctico da editorial, dous de colleita propia):

  • A relación avoa-neto: Manuel ten unha relación moi próxima á avoa e terá que encaixar non só que xa é un neno maior capaz de facer moitas cousas senón que a mente da avoa xa non é a que era.
  • Os contos como fonte de madurez: Manuel asume a tradición da avoa de contar contos despois de cociñar as orellas. A través das historias que crea, Manuel madura e agudiza a súa intelixencia.
  • A separación dos pais: os pais de Manuel están separados e bastante agoniados pola mala situación económica. Un feito que o rapaz tamén terá que aprender a manexar.
  • Como en As mil e unha noites e noutras obras de referencia da literatura universal, fálanos do pracer de narrar e integra no seu interior numerosos relatos, sempre coas humildes lentellas como elemento inspirador.
  • A súa trama lévanos de sorpresa en sorpresa, cunha prosa tan imaxinativa como fresca, que non renuncia nin a tratar temas difíciles nin a mirar con humor a vida.