Unha clase de arte diferente e moi entretida

O mércores 21 de febreiro, os alumnos e as alumnas de 2º de Bacharelato da optativa de Historia da Arte, gozamos dunha saída cultural a Madrid onde visitamos o Museo do Prado e o Reina Sofía para profundizar nas obras traballadas na aula e coñecer algunhas novas.

Despois de coller o primeiro avión cara Barajas ás 6.30 da mañá, chegamos a Madrid e visitamos, en primeiro lugar, o Prado, onde fixemos a visita coa axuda da nosa profesora, Eva López, e a da guía que nos acompañou neste primeiro museo. Entre outras actividades, puidemos expoñer as obras de Velázquez traballadas na aula que forman parte do temario da ABAU diante do propio cadro, o que nos permitiu apreciar moito mellor os seus detalles e características.

Tras comer ao lado do museo Reina Sofía, realizamos a visita a este, onde ademais de comentar o Guernica durante un bo rato, tamén expuxemos nós mesmos outras obras de Picasso, Salvador Dalí ou Juan Gris de xeito voluntario. Ademais, fixemos un percorrido rápido ao longo das obras do artista Antoni Tapiès, que tamén forman parte do temario da selectividade, e traballamos tamén o seu significado. 

En definitiva, foi unha xornada intensa, na que non voltamos a Vigo ata as 23h da noite, pero moi enriquecedora, que nos permitiu aplicar o nosos coñecementos dun xeito ameno, divertido e práctico, e sobre todo apreciar a arte que se nos presenta dun xeito máis académico na clase dende unha perspectiva máis libre e persoal, na que cada un puido sentirse identificado dun xeito distinto coas diferentes obras que visionamos. 

Alicia Alvite