Clase de arte no Prado e no Reina Sofía
O mércores 12 de febreiro, os alumnos e as alumnas de 2º de Bacharelato da optativa de Historia da Arte gozamos dunha saída cultural a Madrid, onde visitamos o Museo do Prado e o Reina Sofía.
Para comezar, fixemos unha primeira visita guiada polo Prado, na que nos explicaron algúns dos cadros máis importantes do museo, entre eles un dos nosos favoritos: O Xardín das Delicias, do Bosco. A guía do museo foi moi simpática, mantivonos sempre atentos e animounos a participar, o que fixo que desfrutásemos moito da visita.
Nun segundo percorrido, tivemos que ser nós mesmas as guías do museo e expoñer algunhas obras de pintura barroca aos compañeiros e compañeiras. O mellor da actividade foi poder ver en persoa as obras que levabamos tanto tempo estudando en clase; isto permitiunos descubrir algúns aspectos que non poderiamos apreciar doutro xeito. Obras como As Meninas, de Velázquez, ou o Ecce Homo, de Caravaggio, foron as que máis nos gustaron.
No último percorrido polo Prado, guiados pola profe, afondamos na obra de Goya: na Familia de Carlos IV, na Carga dos mamelucos, nos Fusilamentos do 3 de maio e nas Pinturas Negras; unha mestura de arte e historia española que non deixou indiferente a ninguén.
Xa pola tarde, visitamos o Reina Sofía. Ademais de coñecer o Guernica e a súa historia, como primeira introdución ás vangardas da primeira metade do século XX, dedicamos algo de tempo a recoñecer as características da arte surrealista, cubista e expresionista.
Esta saída cultural permitiunos comprender mellor a linguaxe da arte e o seu poder expresivo. Como dixo Goya: «A arte non ten regras.» Sen dúbida, esta experiencia axudounos a ver a pintura como unha forma de comunicación sen límites.
Emma, Candela, Isa, Sabela, Carlos e Eva.

