Paseando por Vigo - 2º da ESO
O pasado xoves 20 de febreiro, o alumnado de 2ºESO tivo a oportunidade de participar nunha saída escolar moi especial: unha visita guiada polo Casco Vello de Vigo. Este percorrido permitiu coñecer de primeira man o proceso de urbanización da nosa cidade, afondando na súa evolución histórica e arquitectónica.
O máis destacable desta actividade foi que os propios alumnos e alumnas foron os guías da visita. Tras un intenso proceso de investigación e documentación nas clases de Xeografía e Historia, aplicaron de maneira práctica os coñecementos adquiridos na aula, converténdose en verdadeiros expertos na historia e desenvolvemento urbano de Vigo.
A experiencia non só contribuíu a fortalecer a comprensión dos contidos estudados, senón que tamén potenciou habilidades como a expresión oral, a organización da información e o traballo en equipo. Ademais, foi unha excelente oportunidade para valorar o noso patrimonio cultural e aprender a interpretar os cambios que se produciron na nosa contorna ao longo do tempo.
Felicitamos a todo o alumnado polo seu esforzo e entusiasmo nesta actividade, que sen dúbida resultou enriquecedora para todos e todas!

