Ir ao contido

Carácter propio

Unha escola cristiá e salesiana

Carácter propio

O pluralismo da nosa sociedade tradúcese nunha diversidade de escolas, e só teremos razón de ser se os trazos propios da nosa proposta nos distinguen do resto. Que ten de propio e único o Colexio María Auxiliadora? Por que segue pagando a pena, en pleno século XXI, unha oferta educativa como a nosa?

Alumnado de Infantil traballando en equipo na aula

Unha proposta educativa propia

O noso colexio é unha iniciativa privada sostida con fondos públicos nos niveis de Infantil, Primaria e Secundaria; o Bacharelato queda fóra do réxime concertado.

Pero o verdadeiramente distintivo do noso centro é a súa proposta educativa: a nosa é unha escola cristiá que, ademais, se honra en se recoñecer como salesiana, o que supón unha determinada visión do feito educativo.

O estilo salesiano

O estilo que anima o Proxecto Educativo-Pastoral Salesiano antepón o criterio de promoción de todos ao da selección dos mellores.

O criterio preventivo

Propoñer ao alumnado experiencias positivas que lles permitan vivir con plenitude e de forma saudable as súas aspiracións. De aí a importancia das actividades complementarias, os proxectos, as campañas de sensibilización e a colaboración co Centro Xuvenil.

A relación educativa persoal

O valor das experiencias preventivas refórzase co acompañamento do alumnado por parte dos seus educadores.

O ambiente educa

Espírito de familia e proximidade; presenza dos educadores en todos os ámbitos; protagonismo de nenos e mozos; clima de ledicia e ton optimista; invitación á creatividade e á espontaneidade.

Razón, amor e relixión

A razón como espírito crítico e sistema de valores firme; o amor como acollida incondicional e atención preferente aos menos integrados; a relixión como apertura á dimensión transcendente da persoa.

Balón no pavillón deportivo do colexio

Unha escola a tempo completo

A nosa opción pola formación integral vai máis aló do horario escolar, cunha ampla gama de actividades que converten a Escola Salesiana nun servizo a tempo pleno.

Extraescolares, o Club Deportivo (fútbol sala e baloncesto), as iniciativas do Centro Xuvenil Abertal, as campañas da Fundación Juan Soñador ou da Parroquia, e o cine-teatro Salesianos: estruturas irmás, autónomas pero en plena sintonía cos nosos principios.

Alumnado de Primaria cantando na igrexa

Unha escola que evanxeliza ao mesmo tempo que ensina

A nosa escola será cristiá e salesiana non pola proliferación de elementos extraordinarios, senón sobre todo por levar a cabo unha xestión verdadeiramente evanxélica da realidade educativa: o trato ao alumnado e ás familias, o xeito de utilizar os recursos, a forma de dinamizar a clase, de avaliar, de organizarnos e os valores que privilexiamos.

Unha escola que educa integralmente ás persoas

Promovemos a educación integral de acordo coa concepción cristiá do ser humano, segundo o estilo de san Xoán Bosco, para preparar ao alumnado a participar activamente na mellora da sociedade. Colocamos a cada alumno no centro do noso proxecto e atendemos todas as súas dimensións:

  • Axudar a descubrir e potenciar as súas capacidades físicas, afectivas e intelectuais.
  • Axudar a desenvolver a súa dimensión socio-política.
  • Axudar a desenvolver o seu sentido ético e transcendente.
  • Axudar a descubrir o seu propio proxecto de vida como elemento de autorrealización.

Coñece máis do colexio

WhatsApp