Queremos ser a escola de Don Bosco hoxe
Misión
Somos unha Escola Salesiana que mira ao futuro coa responsabilidade de continuar o patrimonio pedagóxico e carismático de Don Bosco, e coa esperanza de dar unha resposta axeitada á rapazada e á mocidade de hoxe en día.

Visión
Pretendemos ser unha escola inclusiva que acolla a todos e cada un, cun talante baseado na proximidade e na creación dun ambiente educativo rico en valores evanxélicos ao estilo do Sistema Preventivo de Don Bosco.
Buscamos unha educación integral que axude a crecer como persoa e como cristián, soñando un mundo mellor. Favorecemos unha escola a tempo completo: tempo libre educativo e conciliación familiar. Apostamos pola innovación pedagóxica: as novas metodoloxías, o plurilingüismo e as tecnoloxías como instrumentos pedagóxicos. Avalamos o protagonismo do alumnado no proceso de ensino-aprendizaxe e aspiramos, desde o sentido crítico, á construción dun mundo máis humano.
Valores
Acollida incondicional á persoa
A nosa escola aspira a ser, por encima de todo, unha casa que recibe cos brazos abertos a quen a ela se achega. Por encima das circunstancias persoais ou familiares, das capacidades e os logros, de ideas e crenzas, tentamos que o noso alumnado se sinta aceptado, estimulado e querido por ser quen é.
Confianza nas mozas e mozos
En todo neno ou nena, en cada mozo, habita un ser humano excepcional e un cidadán exemplar, en cuxas mans está a posibilidade dun mundo mellor. Esa confianza ilumina as nosas opcións educativas.
Esforzo como instrumento de crecemento
Crecer significa conseguir que cada un saque á luz a súa máis espléndida versión. Nada se logra sen esa enerxía limpa que brota da dedicación paciente, que cultivamos con apaixonada perseveranza.
Apertura á transcendencia, a Deus
Atrevémonos a expor as grandes preguntas: quen somos, para que vivimos, onde habita o sentido de todo isto… Abrir as conciencias á transcendencia é buscar un lugar sólido desde o que interpretar o mundo.
Atención preferente polas persoas máis necesitadas
Investimos os nosos maiores esforzos e os mellores recursos en detectar e arroupar a quen máis necesita ser acompañado. Quen o ten menos fácil convértese en centro prioritario do noso labor.
Respecto á vida
A vida, o seu misterio e a súa complexidade, é obxecto central da aprendizaxe: a propia personalidade, os nosos semellantes, o medio ambiente, a cultura, a ciencia…
Un mundo máis solidario, xusto e pacífico
Non abonda coa felicidade persoal: aspiramos a un mundo habitable para todos e todas, conxugando de palabra e obra verbos como cooperar, colaborar e comprometerse.
