Dez xoias de distintas idades para ler en galego
Follas novas
Rosalía de Castro é o gran referente das nosas letras. O poemario «Follas novas» (1880), cunha nova reedición en Xerais, é como unha rosa con cen vidas, unha bandeira poética de liberdade.
A esmorga
Imprescindible peza de Blanco Amor que se enfrontou a 15 anos de censura, «A esmorga» (1959) vén de cumprir 50 anos como un fito da novela de posguerra.
Que me queres, amor?
Manuel Rivas obtivo o Torrente Ballester e o Nacional de Literatura no 96 con estes 16 relatos, que inclúen o levado ao cine «A lingua das bolboretas».
Resistencia
O debut de Rosa Aneiros está no top de favoritos de Domingo Villar e da libreira Esther Gómez. «Resistencia» percorre a historia de Portugal en clave de resistencia antifascista
Merlín e familia
«Ler a Cunqueiro é o camiño máis curto para namorar de Galicia», di Xacobe Pato, de Cronopios. «Merlín e familia» é a fantasía mestra do mago Cunqueiro.
Amor de tango
Gran referencia feminista, María Xosé Queizán espella en «Amor de tango» (1992) o Vigo da república e da represión franquista a través dos recordos de Margot poñendo o foco nas mulleres traballadoras.
Os fillos do mar
Pola aparente sinxeleza e pola capacidade de ampliar públicos, esta novela de Pedro Feijoo é unha das favoritas dos libreiros, que mencionan outros títulos do novelista e valoran a gran calidade do «noir» galego.
As rulas de Bakunin
Premio García Barros, «As rulas de Bakunin» (2000) fan de Riveiro Coello un clásico vivo. Para gardar esta novela e estas cartas que acubillan a memoria de Galicia.
Vento ferido
Doce relatos marcados pola violencia, a soidade e o fatalismo, dende a mirada orixinal e humana dun Carlos Casares que firmaba o seu debut na narrativa, en 1966.
Lumes
No top dos favoritos de Malores Villanueva, «Lumes» (2017), de Ismael Ramos, é un dos poemarios que namoran e convencen de que hai voces novas capaces de descifrar vellas feridas.

