Festival Got Talent 2025
O pasado venres 23 de maio celebramos no noso colexio o esperado festival Got Talent María Auxiliadora, unha cita que xa se converteu nunha tradición dentro das festas da nosa patroa. Unha vez máis, o talento do noso alumnado brillou con luz propia no escenario do cine do colexio, onde gozamos dunha mañá chea de emoción, creatividade e bo humor.
As actuacións fixéronnos vibrar e aplaudir sen descanso: houbo cancións interpretadas con gran sensibilidade, bailes modernos cargados de enerxía, danzas tradicionais que nos conectaron coas nosas raíces, monólogos divertidos, xogos de maxia e acrobacias sorprendentes. Foi unha mostra preciosa das múltiples habilidades que teñen os nosos nenos e nenas, e sobre todo, do entusiasmo co que prepararon cada intervención.
Queremos dar os parabéns a todas as persoas participantes pola súa valentía, esforzo e ganas de compartir o seu talento con toda a comunidade educativa. Tamén agradecemos a implicación do profesorado e das familias, que apoiaron aos artistas e contribuíron a que o festival fose un auténtico éxito.
E para quen queira volver a desfrutalo ou non puido velo en directo, temos unha boa nova: o festival está dispoñible na súa totalidade no noso canal de YouTube. Non vos perdades ningún detalle!
¡Xa estamos desexando ver que nos deparará a próxima edición!

