ÚLTIMOS PODCAST NA RADIO
Non podemos pechar este trimestre sen facer un breve repaso dos principais programas que gravamos na radio escolar da biblio durante os meses de novembro e decembro.
A nova temporada do programa musical “Entre tema e tema”, locutado e dirixido por Ángel Díaz, contou con dúas grandes voces femininas. Moitas grazas a SÉS (“Nadando na incerteza”) e a Carla Lourdes por encher de música e boas vibras a nosa biblio. Un inicio de temporada de luxo para seguir celebrando a música en galego e ás creadoras que lle dan vida. Non volas perdades!
Nos recreos activos dos venres, Saúl e Alba seguiron “Experimentando”, esta vez co programa “Geodas”. Se queres saber que son as geodas, dálle ao play.
“Euroeconomía” tamén iniciou nova temporada este curso cun programa especial sobre “O porto de Vigo”, realizado polo alumnado de 3º da ESO. Grazas á colaboración de Carlos Botana, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, puideron coñecer a importancia do porto de Vigo e o seu impacto na economía da nosa contorna.
Ademais dos programas da nosa radio, para pechar o trimestre tamén contamos coa visita de Radio Marca. O mércores 17 de decembro, moitos alumnos e alumnas do cole tiveron a oportunidade de participar e de ver como se grava un programa de radio en directo.
Como vedes, temos programas para todos os gustos. E o mellor de todo é que, se queres participar neste proxecto, as portas da radio e da biblio sempre están abertas para tod@s. Podes pasarte a ver, escoitar, colaborar ou crear algo novo. Na Radio Escolar de Salesianos Vigo, a túa voz importa.
Programas publicados en Spotify:
- Nadando na Incerteza de Sés (Entre tema e tema) https://open.spotify.com/episode/4f4aTWrkBJDzv1ta62Txyn?si=bBzj2elqRAG_2QyxyvQOMg&nd=1&dlsi=10c284557e5c4091
- Geodas (Experimentamos) https://open.spotify.com/episode/1Vhq3uRqO9v7MI2KBRmkdy?si=H-TCCEasStuBXxdT5jiE6A
- O porto de Vigo (Euroeconomía) https://open.spotify.com/episode/5xkCNHBBljOfUvsDBRB0gb?si=S4JAiZzATmuQrfJgZjRhTw










