O Noso Proxecto: Descubrindo o Universo de Gaudí
Este pasado trimestre as aulas de Infantil enchéronse de cor, curvas e moita imaxinación. Ao longo de varias semanas, tanto o alumnado como as profes e as familias mergullámonos na vida e obra de Antoni Gaudí, o xenio do modernismo.
Comezamos a nosa viaxe coñecendo a biografía de Gaudí. Descubrimos como, desde que era un neno, a súa curiosidade pola natureza foi a súa maior mestra. Observando as formas das plantas e os animais, deseñou obras mestras que hoxe seguen a abraiarnos coa súa beleza. Aprendemos que na súa etapa en Barcelona soubo levar elementos naturais (réptiles, flores, o mar…) a cada recuncho das súas creacións e, por suposto, practicamos a famosa técnica do trencadís en infinidade de actividades.
Pouco a pouco, o noso propio «museo de Gaudí» foi medrando mentres visitamos virtualmente tres grandes fitos:
- A Casa Batlló: Namorámonos dos seus balcóns que parecen máscaras, a maxia dos seus pasamáns e cores, e a súa inspiración na lenda de San Xurxo e o Dragón.
- O Parque Güell: Paseamos polos seus recunchos máis secretos, desde as casas que semellan gominolas ata esas columnas que parecen caer pero que están cheas de maxia, sen esquecer o seu famoso dragón que tanto nos gusta.
- A Sagrada Familia: Marabillámonos coa gran obra que se culmina precisamente este ano, converténdose na igrexa máis alta do mundo. As súas vidrieiras, os xogos de luces e as torres que renden homenaxe á natureza deixáronnos sen palabras.
Entre obra e obra, os nosos nenos e nenas convertéronse en auténticos artistas, creando pezas que logo compartimos coas familias nunha gran exposición. Pero a aprendizaxe non quedou entre as paredes da aula: saímos á rúa para facer un roteiro modernista por Vigo.
Descubrimos que a nosa cidade tamén agocha tesouros como o Edificio Simeón, a Casa Bárcena, a Casa Yáñez ou o Edificio Mülder. Superando retos como expertos e expertas modernistas, incluso se atreveron a deseñar os seus propios edificios inspirados na paisaxe e na contorna.
Este proxecto non sería o mesmo sen a vosa colaboración. Grazas por participar, especialmente na xornada de portas abertas. Queremos facer unha mención moi especial ao avó de Alén, un artista que nos axudou a crear un gran mural que quedará exposto no colexio como un recordo inesquecible.
Pechamos este trimestre cun proxecto que deixou pegada. Agardamos que os nosos nenos e nenas sigan creando, soñando e sendo, unha vez máis, os protagonistas da súa propia historia.
Actividades motivacionales y mural abuelo Alen con colaboración de alumnado y familias
Casa Batlló
Parque Güell
Sagrada Familia
Actividades estilo Gaudí y exposición del proyecto
Fin de proyecto_ Roteiro modernista por la ciudad


















































































