Blocksi para familias
Guía rápida para configurar e usar Blocksi dende o móbil. Leva uns 5 minutos.
Que é Blocksi
Blocksi é a ferramenta que filtra o contido web e axuda a controlar o tempo de uso do dispositivo do alumnado que contratou o servizo. O colexio xestiona o filtro base; vós, coa app Blocksi Parent, podedes engadir as vosas propias regras na casa.
- Filtro reforzadoO colexio aplicou un filtro máis restritivo ca ao do resto do alumnado.
- Configuración inicialÉ o primeiro curso con Blocksi, así que a configuración pode axustarse durante o ano. Se xurdise algunha incidencia, iremos resolvéndoa.
- Ferramentas para vósCoa app podedes bloquear ou permitir webs, fixar horarios e consultar informes de navegación.
Blocksi axuda, pero non substitúe o diálogo en familia. Ningún filtro é infalible: se notades algo raro, avisádenos.
Que tedes que facer
- Cubride o formulario. Indicade o nome do alumno/a, o curso e o correo electrónico co que queredes xestionar o seu dispositivo. Atoparedes a ligazón no comunicado.
- Agardade o acceso. Ao longo da próxima semana, conforme nos vaiades respondendo, enviarémosvos o acceso.
- Instalade a app e entrade. Está explicado no seguinte apartado.
Usade sempre o correo que puxestes no formulario: é ao que asociamos o voso fillo/a.
Instalar a app e entrar
- Descargade Blocksi Parent na App Store (iPhone) ou en Play Store (Android).
- Se o voso correo é de Gmail, tocade Sign in with Google e escollede a conta. Se non, entrade co email e contrasinal da conta que creastes en Blocksi.
- Xa dentro, tocade a engrenaxe (arriba á dereita) e cambiade a zona horaria e o idioma.
Sen a zona horaria correcta os horarios de bloqueo non funcionan ben. Escollede Madrid ou París: teñen a mesma hora.
Entrade en blocksi.net, tocade Login e despois Parent. Alí os fillos/as aparecen en Users e os informes en Insights. O funcionamento é o mesmo.
A pantalla de inicio
Ao entrar aparece o voso fillo/a. Dende aquí controlades o esencial:
- Control de tiempo: desplegable para aplicar un horario de bloqueo.
- Lista de excepciones: desplegable para aplicar as vosas webs permitidas ou bloqueadas.
- Pausar internet: interruptor que corta todo o acceso a internet ata que o desactivedes.
- Hoxe e Onte: resumo de enderezos permitidos e bloqueados, para botar unha ollada rápida.
Permitir ou bloquear unha web
- Tocade a icona dos reguladores (a segunda do menú de arriba) e a pestana Lista de excepciones.
- Tocade Crear e poñede un nome á lista.
- Tocade Agregar URL e escribide ou pegade o enderezo da web (por exemplo, exemplo.com).
- Marcade Permitir ou Bloquear. Podedes cambiar cada web cando queirades.
- Na pantalla de inicio, aplicade a lista ao voso fillo/a no desplegable Lista de excepciones.
Horarios de bloqueo
Podedes escoller en que franxas se bloquea unha categoría (YouTube, streaming, xogos, redes sociais) ou a hora de durmir, que bloquea todo.
- Na icona dos reguladores, abride a pestana Control de tiempo de acceso.
- Escollede a categoría arriba: Hora de dormir, YouTube, Streaming, Juegos, Social.
- No día que queirades, tocade +, marcade a hora From (desde) e To (ata) no reloxo e aceptade.
- Copiade o horario ao resto dos días coa icona de copiar: marcade os días e confirmade.
- Aplicade o horario na pantalla de inicio, no desplegable Control de tiempo.
Segundo Blocksi, os horarios que poñen as familias só se aplican fóra do horario escolar; durante a xornada manda a configuración do colexio. Na hora de durmir, o dispositivo non se pode usar para navegar.
Informes de navegación
Tocade a icona do gráfico. Hai dúas pestanas, Web e YouTube, e podedes escoller o período: hoxe, 24 horas, 7, 30 ou 90 días, ou 6 meses.
- Webs máis visitadas
- Categorías máis visitadas
- Tempo que pasa en cada páxina
- Consumo de YouTube
- Consultas en buscadores
Dúbidas habituais
Non recibín o acceso
Enviamos os accesos conforme se recollen as respostas do formulario. Se pasa unha semana e non chegou, revisade a carpeta de spam e escribídenos.
Non me aparece o meu fillo/a na app
Aparece cando o colexio valida a vinculación co correo que nos indicastes. Se seguides sen velo, escribídenos co nome e o curso do alumno/a.
Unha web que precisa o meu fillo/a está bloqueada
Escribídenos co enderezo exacto da páxina e revisamos se se pode desbloquear.
Os horarios non se cumpren
Comprobade a zona horaria na configuración da app (engrenaxe) e que aplicastes o horario ao voso fillo/a na pantalla de inicio. Lembrade que non funcionan en horario escolar.
Pode o meu fillo/a saltarse o filtro?
Ningún filtro é infalible. Se detectades algún intento de evitalo, avisádenos e falamos co alumno/a.
Que datos podo ver dos meus fillos?
Os informes amosan a navegación do dispositivo con Blocksi: webs, categorías, tempo e YouTube. Recomendamos comentarllo con el ou ela.
Quero cambiar o correo ou engadir a outro titor
Escribídenos e actualizámolo.
Algúns consellos
- Pactade as normas en familia. Os horarios funcionan mellor cando se explican antes de aplicalos.
- Falade co voso fillo/a. Explicádelle que hai un filtro e para que serve.
- Usade os informes para conversar, non só para controlar.
- Hora de durmir sen pantallas. O bloqueo nocturno axuda a manter a rutina.
- Comezade con poucas regras e axustádeas segundo a idade: non é o mesmo 6º de Primaria ca 4º de ESO.
Ante calquera dúbida, falade comigo
Podedes escribirme a min, Iván, para calquera dúbida ou incidencia con Blocksi.
ivanouvina@aulasalesianosvigo.esSalesianos Vigo · Curso 2026/27

