
O comedor escolar
O comedor é un recurso tan necesario como delicado: a satisfacción do alumnado, a organización de tempos e espazos, a comunicación coas familias e o propio alcance educativo deste momento convérteno nun desafío apaixonante.
O servizo está contratado coa empresa Arume. No documento do comedor recollemos como entendemos este servizo e o seu regulamento. Para calquera dúbida, escríbenos a servizos@salesianosvigo.es.
Como usar o servizo
Funciona do primeiro día lectivo de setembro ao último de xuño (setembro e xuño, se hai demanda suficiente). Pode usalo o alumnado matriculado que o solicite, se hai prazas, e tamén o persoal docente e non docente.
Por curso escolar
Inscrición en tres momentos: a primeira quincena de setembro para ese mes; a principios de outubro para os meses de outubro a maio; e a finais de maio para xuño.
Por mes natural
Presentando a solicitude na portaría do colexio antes do día 25 do mes anterior.
De forma esporádica
Se hai prazas: avisando na portaría o día anterior pola tarde ou o mesmo día antes das 9:30. A cota abónase no acto.
Horarios e quendas
De luns a xoves, de 12:30 a 14:45:
-
12:30 Primeira quenda (ata as 13:30): Infantil e Primaria que non teñen actividades extraescolares nesa franxa.
-
13:30 Segunda quenda (ata as 14:15): Infantil e Primaria que teñen extraescolares ou outras actividades de 12:30 a 13:30.
-
14:15 Terceira quenda (ata as 14:45): Secundaria e Bacharelato.
-
Venres Quenda única de 14:00 a 14:45, tamén nas xornadas continuas de setembro e xuño.
Recollida, de 15:00 a 15:30
O alumnado recóllese polo pai, nai ou titor legal, salvo que participe nunha extraescolar inmediatamente despois ou haxa autorización expresa para outra persoa. A partir dos oito anos poden ser autorizados para saír sós.
Criterios preferentes de inscrición
Por quenda, o máximo de usuarios é o dos asentos dispoñibles máis un 50 % en espera. Se as solicitudes superan as prazas, aplícanse estes criterios, por esta orde:
- Usuarios do servizo por curso escolar.
- Usuarios do servizo durante o curso anterior.
- Usuarios con irmáns no servizo.
- Fillos e fillas de traballadores do centro que colaboren na vixilancia do comedor.
- Resto de fillos e fillas de traballadores do centro.
- Pai e nai que traballan fóra do fogar.
- Familia numerosa.
- Orde de inscrición no servizo.
Altas, baixas e inscricións
Faise na portaría antes do día 25 de cada mes (as solicitudes diarias, ata as 9:30). Tamén podes descargar o impreso, cubrilo e asinalo, e envialo a servizos@salesianosvigo.es.
Menús e dietas especiais
Ofértase un único menú para todo o alumnado; a última semana de cada mes envíase ás familias o do mes seguinte. Hai estas excepcións, sempre que as posibilidades técnicas, loxísticas e de servizo o permitan:
Dieta branda por molestias gastrointestinais temporais
Baixo prescrición médica e avisando na portaría do colexio antes das 9:30.
Alerxias leves e intolerancias
Menú normal, agás os días en que inclúa algún compoñente ao que se é alérxico: nese caso, menú alternativo. Hai que presentar o certificado médico na Administración ao inscribirse no comedor.
Alimentos que non se consomen por razóns relixiosas
Menú normal, agás os días en que inclúa algún alimento que non se poida tomar: nese caso, menú alternativo. A familia debe deixalo por escrito ao inscribir ao alumno ou alumna.
Alerxias ou intolerancias graves e enfermidades que precisan dieta específica
Menú normal, agás os días en que inclúa algún compoñente ao que se é alérxico: nese caso, menú alternativo. Hai que presentar o certificado médico na Administración ao inscribirse no comedor.
A ter en conta
Nos tres últimos casos, o alumnado poderá acceder ao comedor unha vez o centro valore a posibilidade de ofrecerlle o servizo. A Dirección poderá valorar un posible incremento no prezo do menú polo custo adicional de preparación e conservación do menú específico, que se lle pedirá á familia que acepte por escrito.

