Programa na radio escolar: "Entrevista a un merdeiro"
A biblioteca do noso cole encheuse de emoción cunha actividade moi especial: un auténtico programa de radio en directo! As presentadoras foron dúas nais do centro, Ruth e Sandra, que puxeron toda a súa enerxía para crear un ambiente divertido e cheo de curiosidade.
O momento máis esperado chegou coa entrevista a Hadrián, presidente da Asociación de Merdeiros do Casco Vello de Vigo, e a Juan, alumno de 6.º. Ambos levan con orgullo representar a unha das figuras máis típicas, tradicionais e peculiares do Entroido vigués: o merdeiro. Entre risas e historias fascinantes, contáronnos como é o traxe, de onde vén esta tradición e algunhas anécdotas sorprendentes.
Despois da charla, os nenos e nenas asistiron a un concurso de preguntas sobre o aprendido. A biblioteca transformouse nun pequeno estudo onde reinaban a emoción, o xogo e a ilusión.
Foi unha xornada inesquecible que nos axudou a coñecer mellor a nosa cultura e a vivir a biblioteca como un espazo cheo de vida e creatividade.










