Unha xornada inesquecible no Parque Forestal do Vixiador: así inauguramos o novo curso en Primaria
O pasado venres 25 de setembro, toda a etapa de Primaria viviu unha xornada inaugural moi especial no Parque Forestal do Vixiador. Deixamos por un día as aulas para dar a benvida ao novo curso escolar nun entorno natural inmellorable, cheo de convivencia, aprendizaxe e moita diversión.
A mañá comezou cunha pequena ruta de sendeirismo por cursos na que alumnado e profesorado puideron desfrutar do contacto directo coa natureza e coller enerxías para o resto do día. Ademais, os cursos dos maiores tiveron a oportunidade de realizar unha visita cultural moi interesante a unha mámoa da zona, conectando co noso patrimonio e historia de forma práctica.
Tampouco faltaron os momentos de lecer: compartimos a merenda ao aire libre, xogamos e fortalecemos os lazos entre compañeiros e compañeiras despois das vacacións de verán. Para pechar a xornada co mellor sabor de boca, organizamos unha pequena celebración conxunta na que cada curso presentou os seus compromisos grupais para este novo ano académico.
Sen dúbida, foi o mellor punto de partida para un curso que vén cargado de ilusión e no que, máis ca nunca, queremos facer presente o noso lema: «Esta é a túa casa». Unha frase que nos lembra a importancia de coidarnos, acollernos e construír xuntos un espazo onde todos e todas nos sintamos parte desta grande familia salesiana.
Non vos perdades o vídeo-resumo desta xornada!

